martes, 1 de diciembre de 2009

O BACHARELATO

Educación Secundaria Postobrigatoria. Bacharelato

A Educación Secundaria Post-obrigatoria queda configurada pola etapa educativa do Bacharelato, para os rapaces e rapazas que o desexen desde os 16 ós 18 anos de idade.

Finalidades:

O bacharelato é unha etapa educativa de carácter propedéutico e terminal que forma parte da Educación Secundaria postobrigatoria e que ten como finalidade proporcionarlle ao alumnado a formación, a madurez intelectual e humana, os coñecementos e as habilidades que lle permitan desenvoler funcións sociais, incorporarse á vida activa con responsabilidade e competencia, así como capacitarse para o acceso á educación superior.

Estructura:

O bacharelato comprende dous cursos académicos e está organizado nas seguintes modalidades:

* Modalidade de Artes (organizada en dúas vías, a de Artes plásticas, deseño e imaxe e a de Artes escénicas, música e danza)
* Modalidade de Ciencias e tecnoloxía
* Modalidade de Humanidades e ciencias sociais

Cada modalidade está conformada por materias:

* Materias comúns para as distintas modalidades de Bacharelato e obrigatorias para tódolos alumnos e alumnas.
* Materias de modalidade, específicas de cada modalidade de Bacharelato.
* Materias optativas. As materias de cada modalidade poden ser, ó mesmo tempo, optativas para o resto das modalidades de bacharelato.

Currículo:

O currículo prescritivo das distintas materias para esta etapa educativa, é dicir, obxectivos, contidos, métodos pedagóxicos e criterios de avaliación, establécese no Decreto 126/2008, do 19 de xuño (DOG do 23 de xuño). A Orde do 25 de xuño de 2008 (DOG do 27 de xuño) establece a relación de materias optativas de Bacharelato, o seu currículo e regula a súa oferta.

Acceso ó bacharelato:

Poderá acceder ao Bacharelato, en calquera das súas modalidades, o alumnado que posúa algunha das seguintes titulacións:

* Título de graduado/a en Educación Secundaria.
* Título de Técnico, obtido tras cursar a formación profesional de grao medio.
* Título de Técnico Deportivo, tras cursar as ensinanzas deportivas de grao medio.

Poderá acceder aos estudos de Bacharelato na modalidade de Artes o alumnado que estea en posesión do título de Técnico de Artes Plásticas e Deseño nos termos pevistos no artigo 53.2º da Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Avaliación e promoción:

A avaliación das aprendizaxes do alumnado será continua, polo que implicará un seguimento do proceso e dos resultados das aprendizaxes ao longo de todo o curso. Terá como referente fundamental os criterios de avaliación establecidos para cada unha das materias no currículo do Bacharelato.

Normalización lingüística:

Serán impartidas en lingua galega as materias seguintes:

a) Das materias comúns: Ciencias para o mundo contemporáneo e Filosofía e cidadanía en primeiro curso. Historia de España e Historia da filosofía en segundo curso.
b) Das materias de modalidade: Na modalidade de Artes, Cultura audiovisual en primeiro curso, en calquera das dúas vías. Técnicas de expresión gráfico-plástica e Historia da música e danza en segundo curso, correspondentes á vía de Artes plásticas e Artes escénicas respectivamente. Na modalidade de Ciencias e Tecnoloxía, Matemáticas I en primeiro curso e Matemáticas II en segundo curso. Na modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais, Historia do mundo contemporáneo en primeiro curso e Xeografía en segundo curso.

Ademais das materias citadas, os centros educativos decidirán aquelas outras materias que serán impartidas en lingua galega para garantir que o alumnado reciba, polo menos, o 50% da docencia nesta lingua.

Titulación:

Os alumnos que cursen o bacharelato en calquera das súas modalidades recibirán o título de bacharel sempre que obteñan avaliación positiva en tódalas materias, título que será único e no seu texto deberá consta-la modalidade cursada e a cualificación media obtida.

Este título facultará para acceder ós ciclos formativos de grao superior, ós graos e estudios superiores de ensinanzas artísticas e ós estudios universitarios.

No hay comentarios:

Publicar un comentario